Presentación

AtalaiA Social leva 10 anos no camiño, aprendendo, construíndo e recoñecéndose cada día. Agora, o noso proxecto transfórmase en Centro Medra, acollendo as nosas inquedanzas, os nosos soños e as aportacións de todas as persoas que forman parte da nosa historia. Este espazo busca transcender ás súas paredes, crear pontes e aproveitar sinerxías con outras profesionais, co obxectivo de seguir a construír esa rede coa que enriquecer o traballo mutuo.

Centro Medra é a suma de múltiples tempos e espazos nos que nacen diversos proxectos profesionais relacionados con catro áreas xerais: crecemento persoal, terapia sistémica, formación e proxectos socioeducativos de bo trato. 


Máis sobre nós

Crecemento persoal

En Centro Medra estamos a desenvolver actividades pensadas para o propio benestar e coidado mutuo.

Terapia sistémica

O noso modelo de traballo encádrase no enfoque sistémico, é dicir, a énfase está nos procesos de comunicación e na dinámica interpersoal.

Formación

Cos nosos cursos e obradoiros queremos ofrecer a posibilidade de profundizar nas reflexións e na aprendizaxe vivencial.

Proxectos de bo trato

A esencia de AtalaiA.social é o desenvolvemento de proxectos socioeducativos.

Principios


Perspectiva de xénero

As relacións de xénero e o empoderamento como enfoque, contido e metodoloxía. Contemplamos a igualdade como un valor fundamental para a consecución da dignidade das persoas e do cumprimento dos dereitos humanos.

Concepción sistémica da realidade

Abordamos a existencia como sistemas que se intercomunican entre si. Cómpre ter en conta na intervención a relación interdependente da propia persoa cos outros contextos sociais, como o educativo, familiar, sanitario, veciñal, xudicial, etc.

Concepción humanista dos procesos

A intervención socioeducativa debe contemplar todas as dimensións das persoas e promover o seu desenvolvemento global (biolóxico, psicolóxico, sexual, social, cultural, educativo, emocional, afectivo...). Consideramos fundamental o traballo na parte emocional, abordando individual e grupalmente os sentimentos e pensamentos que habitan en cada persoa.

Traballo en rede e comunitario

O territorio configúrase como punto de partida e de chegada, como lugar de acollida para o desenvolvemento das persoas. Tendo en conta este principio, o traballo colectivo de rede, en coordinación con outras profesionais e entidades é outro dos eixos principais da nosa intervención.

Co-construción da demanda

Traballamos con unha metodoloxía activa e participativa buscando un clima de participación e a construción de estruturas horizontais e democráticas, no que a persoa profesional sirve de guía para o cumprimento dos obxectivos acordados.