31

Dec

2018

Neste ano que pechamos van aló os DOCE, 12 aniños de andaina nos que nunca deixamos de aprender e, por suposto, MEDRAr :)

Desexámosvos un bo comezo de ano no que sigamos camiñando cara unha transformación desde e para o botrato.

Vémonos no camiño, nese no que seguiremos MEDRAndo!

Beixiños das AtalaiA

Ver máis

A compañeira Noelia Darriba García volveu realizar, xunto con Vanessa Rivas (actriz, educadora social) e José Leis (actor, director e pedagogo teatral): Vestido de Voda unha proposta de teatro foro para previr as violencias machistas.

Vestido de Voda é unha actividade que mestura teatro  e educación social nun equipo formado por profesionais dos dous ámbitos para crear unha peza moi potente e flexible que permite xerar con cada grupo unha experiencia única na que se busca espertar a conciencia crítica do público, estimular o debate, a participación e a creación de novas formas de relación máis sas e respectuosas. Tamén ten moita presenza o feminismo como teoría política crítica que oferta claves analíticas dende as cales comprender a construción social, política, económica, educativa e/ou cultural das nosas sociedades.

A peza foi creada por RimaVane Artes Escénicas e dende AtalaiA damos apoio na parte técnica, así dende o 2014 a peza segue a ter moita demanda, sobre todo, durante este mes no que moitas entidades buscan novidades para traballar no marco do 25N Día Internacional contra as Violencias Machistas. Este ano foi representada para o alumnado dos IES de A Coruña no marco do 35 Aniversario do Centro de Planeamento Familiar e tamén para o alumnado de 4º da ESO do Concello de Ribeira.

Principalmente a actividade persegue os seguintes obxectivos:

  • Dar a coñecer os aspectos que se atopan na base das violencias machistas.
  • Coñecer e reflexionar sobre conceptos básicos: roles, relación desiguais, maternidade, parella,…
  • Analizar de forma crítica os diferentes factores que condicionan as relacións sentimentais.

O traballo parte da representación da peza teatral entre un home e unha muller que non ten diálogo, a duración estimada da peza é de 10 minutos. A partir desta representación a educadora guía a sesión establecendo un nexo de unión entre o público e a actriz e actor. Desta forma analízase o que pasou durante a obra e o público poderá participar de forma activa xerando novas escenas de representación creadas por elas e eles mesmos.

Durante o tempo que dura a actividade trabállanse os seguintes contidos:

- Estereotipos e roles de xénero

-  Conceptualización das violencias machistas

- Mecanismos de exercicio de poder

- Indicadores de violencia machista na parella

- Claves e recursos para actuar ante unha situación de violencia machista

- Habilidades sociais: expresar queixas, dicir non

A metodoloxía é a través do propio foro, é dicir, da reflexión grupal á que se chega partindo dos seus coñecementos previos ata transformala nunha realidade consciente do que pasa na sociedade e queiran modificala. .

 

Creemos que a utilización dunha metodoloxía activa e participativa permite captar a atención das persoas e incorporar un aspecto clave para a interiorización dos contidos: a conexión emocional e vivencial.

Longa vida á unión RimaVane e AtalaiA Social :)

Ver máis

As nosas compañeiras Naiara González Fontenla e Iria García Martínez facilitaron o curso de Educar dende as emocións na infancia realizado na Escola Galega de Administración Pública durante a semana pasada para profesionais interesadas no tema, principalmente do ámbito educativo, escolar e social.

Neste curso abordamos, como obxectivo principal a comprensión de que educar nos afectos ten que ir máis alá de pretender ensinar unidireccionalmente ás nenas e nenos as diferentes emocións e as súas expresións. Necesariamente hai que sumarlle a este visión a figura da persoa adulta como referente emocionable, a cal ten o labor de construir relacións coas crianzas que sexan seguras para sentir e experimentar.

Polo tanto a educación emocional implicaría:

  • Afectividade consciente:

Para desenvolver unha educación emocional a cuestión principal é que as crianzas sintan seguridade e conexión e iso consíguse a través do vínculo coa persoa adulta. Nun segundo nivel é interesante que teñan un enganche co proceso de aprendizaxe e desenvolvan unha identidade máis ampla, nos seus contextos de relación, cun sentido de convivencia e pertenza de grupo. En AtalaiA.social adaptamos o modelo SOATIF (Sistema de Observación da Alianza Terapéutica en Intervención Familiar: Friedlander, Escudero e Heatherington, 2006) xestado no ámbito terapéutico para  establecer as catro dimensións subliñadas coas súas propias características e indicadores, constituíndo unha ferramenta para revisar a intervención e aportacións da persoa adulta a esa relación.

Igualmente, é preciso que a persoa adulta faga un traballo interior sobre a súa propia persoa, comprendendo o seu funcionamento emocional, sendo consciente das súas conexións e atribucións, xa que só deste xeito poderemos traballar para construir esa alianza e desde esa posición axudar ás crianzas coas súas propias emocións. Sería imposible pretender educar nos afectos se non somos capaces de saber qué nos enfada ou qué precisamos cando sentimos nervios, por exemplo! é preciso integrar este coñecemento para desenvolver estratexias de autoregulación.

  • Educación para os afectos:

Para facer unha intervención enfocada a traballar os afectos dende a aula con infancia consideramos importante atender, principalmente, a dúas das cinco competencias emocionais que se establecen (*Modelo Modelo do Grup de Recerca en Oreintació Psicopedagògica (GROP) da Universitat de Barcelona):

- Conciencia emocional. É importante ensinar ás crianzas a ter consciencia das súas diferentes emocións, a súa expresión, a identificación corporal, introducindo tamén técnicas de mindfulnes e relaxación.

- Regulación emocional. É fundamental axudar a canalizar as emocións e sacalas do propio corpo, dun xeito positivo e reparador. Así as persoas adultas debemos comprender que hai crianzas que cando sinten anoxo precisan un tempo de activación (romper papeis? saltar, quizais?) ou de calma (soidade, silencio...) integrando isto dentro do respecto mutuo no grupo.

No curso puxemos en práctica diferentes técnicas e actividades para disfrutar das emocións e da relación coas crianzas!!

 

Ver máis

Baixo o lema Para transformar a vida das mulleres: folga de coidados, folga laboral e folga de consumo, os diferentes colectivos de mulleres da Galiza organizadas en Asemblea Galegas 8M convocan folgas e diferentes actividades en diferentes puntos do país.

manifesto que nos convoca a todas é o que segue:

Benvidas, mulleres! Benvidas, compañeiras!

Benvidas as que levades décadas construíndo o feminismo en Galiza, porque sen vós non estariamos hoxe aquí; benvindas todas as que formades, formamos, parte deste movemento imparábel, porque sen vós isto tampouco sería posíbel. Benvidas todas as mulleres que habitamos este recuncho do mundo que é Galiza, desde o que estamos a construír un futuro de dignidade para todas!

Nuns días, as mulleres do mundo estaremos levando a cabo a primeira folga de mulleres feminista, sumándonos a ela a nivel internacional, multilingüe e intersectorial, desde as nosas realidades, experiencias e vidas diversas, para dar un paso á fronte e transformar para sempre a vida de todas.

Hoxe recuperamos o espírito co que as traballadoras e revolucionarias marcaron esta xornada como día de loita, logo de anos de ser utilizado como mera conmemoración. Hoxe rescatamos este día para a loita feminista arrancándoo dos rituais institucionais nos que pretenden encerralo. Hoxe culminamos un punto de inflexión nos feminismos galegos, que se coordinaron durante meses desde as bases para que esta xornada sexa unha demostración de forza das mulleres galegas.

Hoxe iniciamos unha nova senda, facendo unha folga de coidados, laboral e de consumo que repetiremos cada ano até que as mulleres paremos o mundo e o mundo sexa tamén noso. Desde a unidade de acción, mais tamén desde a riqueza da nosa diversidade, para forxarmos un futuro colectivo que terá de ser feminista ou non será.

Porque somos as mulleres as que sostemos a vida, que o sistema despreza e estraga cando esas vidas son as nosas, as das mulleres. Mais nós queremos vidas dignas de ser vividas e libres de todo tipo de violencias! Queremos que a vida sexa vivíbel para todEs, sostida por todEs e asumida polo conxunto da sociedade.

Porque sabemos do sacrificio das nosas vidas para coidar das nosas maiores, das nosas crianzas, das nosas iguais, mais non queremos asumir esa tarefa en solitario. Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga todo este traballo con violencias.

Porque non queremos ter que discutir se a fenda salarial real entre homes e mulleres é do 23, 34 ou 45%. Porque as duplas xornadas non se erradican con declaracións nen con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque hoxe as mulleres máis novas están condenadas de antemán ao traballo escravista, parcial e precario, cando non directamente á exclusión social e á pobreza; e as maiores están abocadas ao abandono, a soidade e á miseria, sen recursos e comunidades que as sustenten.

Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas. Queremos parar de contar cantas teñen que denunciar e cantas non o fan, cantas son as acosadas, as humilladas, as calumniadas, represaliadas ou xulgadas elas en vez dos agresores.

Porque as múltiplas faces da violencia machista teñen un só rostro: o terrorismo como sostén do patriarcado, e porque todo este terror só vai parar o día que acabemos con el.

Porque somos diversas e o patriarcado capitalista instrumentaliza esa diversidade para nos segmentar, dividir e desartellar con violencias e discriminacións específicas, mais o movemento feminista ensínanos que a diversidade suma e multiplica as loitas, que todas as perspectivas son importantes, todas as voces necesarias e todas as mulleres valiosas para avanzarmos cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.

Porque as mulleres migrantes somos vítimas dun sistema que converte as persoas en mercadoría que move ou trafica segundo intereses económicos, sacrificando vencellos e afectos, á vez que sometendo as nosas irmás inmigrantes a maior explotación e cidadanías se segunda clase.

Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla ou tripla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén todo un ecosistema e unha fonte de sustento para todas que o poder condena ao máis absoluto deterioro e abandono. Porque temos que apostar por nos relacionar co medio de forma radicalmente diferente, porque precisamos a soberanía alimentaria para transformarmos o mundo e porque debemos rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.

Porque o menosprezo, as agresións, a discriminación laboral, a exclusión social e as violencias médicas baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. Porque todas as mulleres e feministas temos que rexeitar a patoloxización, a difamación e os intentos de exclusión das mulleres trans e intersex, que xa formamos e sempre formaremos parte dos feminismos. Porque todas queremos ser libres para desfrutar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo libres de violencias.

Porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas, porque nos negamos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen e sometan para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais. Porque estamos fartas. Porque se non podemos bailar, debater, reflexionar, cantar ou facer berrar as paredes, a revolución non nos interesa.

Por todo isto, por todas nós, porque estamos fartas, imos facer do 8 de marzo unha xornada de folga internacional de mulleres para paralo todo, para mudalo todo, para que as nosas vidas se coloquen no centro da axenda e das prioridades. Porque só así seremos capaces de construír un mundo, unha Galiza e unhas vidas xustas, igualitarias e libres.  

Facemos folga de mulleres para sumar forza ás nosas razóns, porque levamos todas as nosas vidas berrando, protestando e esixindo solucións a un sistema que ignora sistematicamente as nosas demandas.

Facemos folga de mulleres para dicir basta de remendos e tutelas institucionais que falan no noso nome ou nos usan como floreiro das políticas públicas sen solucionaren nada; para berrar que todo o que se faga sen nós faise contra nós; para deixar claro que estamos fartas de leis baleiras e ficticias, afastadas da realidade ou deseñadas como parches aos problemas sistémicos que padecemos.

Facemos folga de mulleres para esixir que as políticas públicas deben ser deseñadas polos feminismos e tomadas en serio, financiadas e veladas na súa eficacia e cumprimento.

Facemos folga de mulleres para berrar que estamos fartas dun sistema educativo que reproduce as lóxicas patriarcais do poder e as súas violencias; para que as políticas educativas sexan dunha vez serias e radicais, atallando os problemas desde a base e desde a raíz.

Facemos folga de mulleres para esixir unha educación pública de calidade, igualitaria e non sexista, na que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades, na que exista unha educación sexual dende a primeira infancia e adaptada a todas as idades, que propicie o desenvolvemento libre e saudábel da propia sexualidade, a normalización e a celebración da diversidade, e unha vida e unhas relacións afectivo-sexuais baseadas no respecto e na igualdade.

Facemos folga de mulleres para esixir unha vida sen violencias, e para demandar que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo de garantir este dereito básico de todas; para deixar claro que non aceptamos ningunha medida que non sexa integral e radical para protexer as nosas vidas das violencias machistas; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias.

Facemos folga para que lles quede claro que reclamamos e exercemos o noso dereito á autodefensa en todos os ámbitos da vida, que sempre nos defenderemos e defenderemos as nosas irmás até que as violencias sexan erradicadas.

Facemos folga de mulleres para que os coidados sexan asumidos polo conxunto da sociedade, para que a comunidade sirva como ferramenta para construír vidas dignas, para transformar radicalmente a forma en que nos relacionamos co traballo, para combater o capitalismo e construír alternativas de vida para todas; para exercermos o noso dereito a escoller en liberdade a nosa forma de vivir, de amar, de criar, de maternidade e de sexualidade, e para que todas e cada unha desas escollas conten con todas as garantías sociais para podermos desenvolvelas.

Facemos folga de mulleres para que os poderes públicos se involucren nunha loita sen cuartel contra a industria da trata.

Facemos folga de mulleres para que os gobernos deteñan e revertan a situación de abandono e destrución do medio rural.

Facemos e faremos folga de mulleres até que unha reforma laboral con perspectiva verdadeiramente social e de xénero impoña a obrigatoriedade de convenios colectivos e transparentes que erradiquen a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza.

Facemos e faremos folga de mulleres até que os homes perdan os seus privilexios.

Facemos e faremos folga de mulleres até que teñamos a convicción de que as nosas vidas son nosas, os nosos corpos nosos, o mundo tamén noso.

Por todo isto e moito máis as mulleres galegas faremos folga este 8 de marzo!

Temos a forza e a determinación para facermos que este mundo sexa tamén noso, mais igualitario e mais xusto!

Mulleres, compañeiras: a revolución será feminista ou non será!

Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!

 

Ver máis

O noso equipo prepárase para finalizar o ano. Centro Medra pecha o 2017 coa satisfación dos proxectos pasados e coa ilusión dos que seguen e están por vir, en continuo proceso de aprendizaxe e construción.

Nos últimos meses a equipa AtalaiA estivo a traballar en diferentes lugares cos nosos proxecto de Botrato, como Cambre, Narón, Coruña, San Sadurniño, Cabanas, Pontedeume, Ferrol ou Carral, nutríndonos do seu labor profesional, recibindo luz de todas as familias, nenas e nenos, adolescencia con quen traballamos.

A pesares de que os nosos obxectivos técnicos son múltiples e dinámicos, adaptando a cada realidade e grupo a intervención correspondente, procuramos un traballo integral dende o bo trato e o desenvolvemento persoal, mimando os corpos, conectando coas emocións, identificando sentimentos, comprendendo reaccións, conciliando posturas...

O Centro Medra, como espazo que nos acubilla, tamén tivo moito dinamismo chegando cada vez máis a grandes persoas que queren mudar o que non lles convén e construír novos obxectivos de vida.

En cada día deste último ano melloramos grazas a todas vós, persoas da nosa rede, persoas do noso mundo... Unha aperta infinita.

Por un 2018 cheo de plenitude!!!

 

Ver máis

A semana pasada acollemos no noso espazo, grazas á colaboración co grupo Fiadeiras (CEESG), un obradoiro con Laura Latorre chamado Repensar o amor e as relacións.

A idea era crear un espazo de escoita, de diálogo e coidado, onde cada persoa puido ou non compartir as súas vivencias, responder ás preguntas propostas ou participar das conversas con total liberdade.

Primeiro tomamos consciencia sobre o punto de partida: modelos sociais que se propoñen como normalizados, naturais e universais e do contexto heteropatriarcal e capitalista no que habitamos. Démonos conta de que existen moitos deberías e normas sobre cómo hai que vivir o amor e a liberdade nos mandatos patriarcais, pero tamén nos mandatos das nosas identidades facendo que a experiencia amorosa estea cheade ideas preconcibidas do que debería ser.

Durante o encontro conversamos colectivamente sobre os desexos, as contradicións, as emocións, ou o que quereríamos pero tamén visibilizamos outras formas de relacionarnos que nos permiten rachar co terrible discurso do deber ser.Repensamos, principalmente,ao redor destas cuestións:

  • Como se nos ensina a amar e ser amadas ás persoas socializadas como
    mulleres e como homes?
  • Que mitos e crenzas, veñan do modelo que veñan, atravesan as nosas
    relacións?
  • Que conceptos de liberdade e desexo promove o patriarcado capitalista?
    Que corpos e que valores estanse erotizando culturalmente?
  • Que efectos teñen as ideas pechadas e mitificadas do amor, a liberdade, odesexo ou a relación nas nosas vidas?
  • Cales son as dores, desexos, emocións e contradicións que nos atravesan?
  • Como estamos a vivir o amor nas nosas relacións concretas?
  • Como vivimos o namoramento e o desexo?
  • Como abordamos as relacións de poder?
  • Que é importante para cada quen no amor, no desexo, nas relacións...?
  • Que é para cada quen a liberdade?
  • Como exploramos prácticas máis libres nas nosas experiencias concretas?
  • Cara onde desexamos e estamos migrando nas nosas relacións?

Nestes días previos ao Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres, vemos necesario abrir máis espazos onde reflexionar sobre o amor e as relacións, e sobre os modelos sociais impostos. Non se trata de teorizar, senón de descubrir outras formas posibles de vivir o amor para poder relacionarnos dun xeito máis libre e onde a violencia non teña cabida.

A violencia contra as mulleres estivo e está presente de forma xeneralizada na nosa sociedade, presentándose de moi diferentes maneiras: unhas veces de maneira moi sutil, a través do control ou a chantaxe emocional; outras de maneira clara e obxectiva, dando lugar á violencia física, que en moitos casos significa a morte de moitas delas.

Podemos comparar o fenómeno da violencia co dun iceberg, do cal tan so vemos a punta (neste caso as mortes ou a violencia física) pero sabemos que esconde unha parte moito máis grande que é a base sobre a que se sustenta e que está formada polos valores culturais e sociais. Os estereotipos e as ideas sexistas que abundan no noso imaxinario convértense nunha fonte de desigualdades, de discriminacións e de subordinación das mulleres aos homes que se materializa en forma de relacións afectivas e de parella que poden acabar danando ás persoas que as compoñen. Nesta base tamén están os mitos do amor romántico, esas crenzas que se nos transmiten socialmente a través dos contos de princesas, das películas románticas, de valores familiares, medios de comunicación, campañas publicitarias. A idealización da parella para toda a vida, a media laranxa, os celos, o amor pode con todo, quen ben te quere farache chorar, sempre hai un roto para un descosido, cambiar por amor,.. o noso subconsciente está recheo destes discursos. Discursos que crean relacións desiguais baseadas no control e na idea de pertenza e onde as mulleres, polo simple feito de ser infravaloradas nesta sociedade, levamos a peor parte.

Repensemos, facilitemos espazos de conversas colectiva e abramos portas que nos permitan experimentar outras formas posibles de vivir o amor e de relacionarnos explorando prácticas máis libres, entendendo a liberdade como unha experiencia de relación e con sentido común.

 

Ver máis

26

Xul

2017

En outubro do ano pasado  puxemos en marcha unha actividade dirixida a mulleres baixo o nome de: Medrando Xuntas; un espazo onde tecer redes e poder tomar máis conciencia sobre nós mesmas e sobre as nosas vidas. Este mes pechamos o taller e queremos compartir con vós esta experiencia tan enriquecedora.

Ver máis

Durante os últimos meses estivemos a desenvolver un programa de educación emocional no colexio CEIP Emilio González López impulsado pola súa A.N.P.A. que contou con varias actuacións para o alumnado, as súas familias e a comunidade educativa en xeral.

Ver máis

O pasado 21 de xaneiro celebramos un día moi especial para AtalaiA.social. Hai xa 10 anos que iniciamos esta andaina profesional e actualmente seguimos a traballar nun proxecto máis maduro e consolidado.

Ver máis
Compartir