http://centromedra.gal/media/img/a.jpg

21

Feb

2017

Programa de educación emocional no CEIP Emilio González López (Cambre)

Durante os últimos meses estivemos a desenvolver un programa de educación emocional no colexio CEIP Emilio González López impulsado pola súa A.N.P.A. que contou con varias actuacións para o alumnado, as súas familias e a comunidade educativa en xeral.

Iniciamos cunha representación teatral a través de varios personaxes que introduciron dun xeito lúdido e didáctico dalgunhas emocións e valores que entran en xogo na relación coas outras persoas.

Posteriormente, realizamos dúas sesións en cada unha das aulas nas que os grupos experimentaron diversas dinámicas a través das cales aprender e reflexionar sobre os mecanismos emocionais, identificando os efectos no corpo e recoñecendo as necesidades persoais que espertaban estas emocións. Aprenderon algún truco para xestionar o enfado ou a frustración, e conectaron co seu corpo e mente para atopar a serenidade precisa.

O profesorado contou coa axuda das educadoras para confeccionar nas súas aulas diversos materiais que axuden ao benestar emocional do alumnado: botellas da calma, tarxetas positivas, o pau das palabras lindas, etc. Todos estes materiais elaborados permitiron a creación final dun “Recanto das emocións”, que se presentou e traballou co alumnado e profesorado.

Finalmente, realizáronse varios talleres de Ioga en familia fóra do horario escolar nos que máis de 50 nenas e nenos participaron coa compaña da súa familia para coñecer a importancia do recoñecemento das emocións e a práctica de posturas corporais para mellorar o noso autocontrol.

Galería

Compartir